loader image

I Concurso de Fotografía Xuvenil RUANDO Lugo26

1. Obxecto do concurso

O presente concurso ten como obxectivo fomentar a creatividade artística entre a
mocidade, promovendo a observación da contorna urbana a través da fotografía de
rúa. Procúrase captar escenas cotiás, momentos espontáneos e a vida na cidade
desde unha mirada persoal.

2. Participantes

Poderán participar estudantes matriculados en centros de ensino de Lugo, distribuídos nas seguintes categorías por idade.

A: 12 a 14 anos (1º a 3º ESO)
B: 15 a 17 anos (4º ESO e Bacharelato)
C: 18 a 22 anos (Formación Profesional e outros estudos posobrigatorios)

Cada participante deberá estar inscrito a través do seu centro educativo.

3. Temática

A temática do concurso será a FOTOGRAFÍA DE RÚA, entendida como a captura de
escenas reais en espazos públicos urbanos:

Tema: COMO VEMOS A RÚA

En esencia, facer fotografía de rúa non é outra cousa que capturar imaxes no espazo
público sen intervir fisicamente sobre a contorna e sen pedirlle a outras persoas que
actúen dunha determinada maneira.

Unha definición tan ampla tradúcese nunha enorme liberdade; só tes que saír á rúa
coa túa cámara ou co teu móbil e capturala sen ideas preconcibidas, sen máis
requisitos que a túa maneira de vivila.

- Vida cotiá.
- Interacción humana.
- Arquitectura urbana con presenza humana.
- Situacións espontáneas.

Non se admitirán fotografías posadas nin manipuladas que alteren a esencia
documental da escena.

Non se admiten retratos de preto de persoas na rúa. Solicítase que as persoas que
aparezan nas fotografías estean integradas no contexto urbano, é dicir, que non se
trate de retratos explícitos.

4. Requisitos das obras

Cada participante poderá presentar un máximo de 2 fotografías.

- A participación é individual.
- As imaxes deberán ser orixinais e inéditas.
- Formato dixital JPG de entre 1 e 3 megas de resolución.
- Permítense axustes básicos (luz, contraste, encadre), pero NON manipulacións
que alteren o contido real da escena, nin fotomontaxes.

- NON se admiten fotos manipuladas nin imaxes creadas con intelixencia artificial IA.

5. Presentación das fotografías

As fotografías enviaranse en formato dixital á Escola Superior de Arte e Deseño Ramón
Falcón de Lugo ao seguinte correo electrónico:

concursoruando@escoladeartelugo.com

Cada obra deberá ir acompañada de:
● Nome do autor/a.
● Idade.
● Indicar categoría A, B ou C.
● Centro educativo.
● Título da obra.

É imprescindible poñer título a cada unha das obras presentadas; así mesmo, é
imprescindible que o ficheiro da fotografía estea nomeado co mesmo título para
facilitar a súa identificación.
Non deberá aparecer o nome da autora ou autor no nome do ficheiro da fotografía.

Modelo do correo para copiar

Asunto: I Concurso de Fotografía Xuvenil Ruando Lugo26

Corpo do correo:

Bo día,
Enviamos as fotografías para participar no I Concurso de Fotografía Xuvenil Ruando Lugo26.

Datos da persoa participante:

- Nome e apelidos: [indicar].
- Idade: [indicar].
- Categoría: [A / B / C].
- Centro educativo: [indicar].

Datos das obras:

- Título da primeira obra: [indicar].
- Título da obra 2: [indicar, só se se envía unha segunda fotografía].

As fotografías envíaranse en formato JPG, co ficheiro nomeado co título de cada obra e
sen incluír o nome do autor/a no nome do arquivo. (ex. título.jpg). As obras serán orixinais e inéditas, e
axústaranse ás bases do concurso.

Grazas pola vosa atención.

Saúdos,

[Nome e apelidos]
[Correo electrónico]

Checklist antes de enviar

A persoa participante está matriculada nun centro de ensino de Lugo e inscrita a
través dese centro.

A categoría é correcta segundo a idade:

A: 12 a 14 anos.
B: 15 a 17 anos.
C: 18 a 22 anos.

A fotografía ou fotografías axústanse á temática de fotografía de rúa: escenas reais
en espazos públicos urbanos, vida cotiá, interacción humana, arquitectura urbana
con presenza humana ou situacións espontáneas.

Non hai fotografías posadas nin manipuladas que alteren a esencia documental.

Non aparecen retratos de preto de persoas na rúa; as persoas están integradas no
contexto urbano.

Envíase unha ou dúas fotografías, como máximo 2.

A participación é individual.

As imaxes son orixinais e inéditas.

O formato é JPG e o tamaño está entre 1 e 3 megas.

Só hai axustes básicos de luz, contraste e encadre, sen fotomontaxes nin
manipulacións.

Non hai imaxes creadas con intelixencia artificial IA.

Cada fotografía leva un título.

O nome do ficheiro coincide co título da obra.

No nome do ficheiro non aparece o nome do autor/a.

No correo figuran nome, idade, categoría, centro educativo e título ou títulos das
obras.

6. Prazo de admisión

A admisión das fotografías rematará o 30 de setembro de 2026 ás 24.00 h.

7. Xurado

O xurado estará composto por profesionais do ámbito da fotografía, da cultura e da
educación.

Valoraranse os seguintes aspectos:
- Orixinalidade e creatividade.
- Calidade técnica.
- Capacidade narrativa.
- Adecuación á temática.

O fallo do xurado será inapelable.

8. Premios

Categoría A (12–14 anos) (1º a 3º ESO)

PREMIO RUANDO XOVE
Material fotográfico valorado en 150 €.

Categoría B (15–17 anos) (4º ESO e Bacharelato)

PREMIO RAMÓN FALCÓN Á OLLADA EMERXENTE
Material fotográfico valorado en 200 €.

Categoría C (18–22 anos) (Formación Profesional e outros estudos posobrigatorios)

PREMIO RAMÓN FALCÓN Á OLLADA CONSOLIDADA
Material fotográfico valorado en 300 €.

9. Exposición

As 30 obras seleccionadas formarán parte dunha exposición pública dentro do festival
de fotografía RuandoPhotoFest Lugo26 que tera lugar en novembro do ano 2026.

10. Dereitos de imaxe e autoría, cesión de dereitos e
exención de responsabilidade

As fotografías presentadas a este concurso poderán ser utilizadas por parte do
Colectivo Ruando para facer difusión deste e para comunicar as persoas gañadoras.

As persoas participantes autorizan expresamente o uso das súas imaxes ao Colectivo
Ruando, en calidade de organizadores e promotores do concurso e do consecuente
premio, coa exclusiva finalidade de promocionar, divulgar, reproducir, distribuír e
comunicar publicamente e en calquera medio as imaxes presentadas no ámbito
nacional e internacional.

As persoas participantes manteñen en todo momento a propiedade intelectual das
imaxes e os dereitos derivados desta e responsabilízanse das posibles reclamacións
que se poidan derivar da divulgación das súas fotografías no relativo a dereitos de
propiedade intelectual ou industrial de terceiros, ou á intromisión no honor ou na
intimidade e imaxe persoal.

As fotografías deberán respectar a lexislación vixente en materia de dereitos de
imaxe.

As persoas participantes garanten ser autoras das obras.

A organización poderá utilizar as imaxes con fins culturais e divulgativos, citando
sempre a autoría.

11. Consentimento parental para menores de 14 anos

A participación de estudantes da categoría A (12 a 14 anos) require o consentimento
expreso do pai, nai ou titor/a legal para o tratamento dos seus datos persoais, de
conformidade co Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) e a Lei Orgánica
3/2018 de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais (LOPDGDD).

O centro educativo é responsable de recadar e gardar ese consentimento con
anterioridade ao envío das obras. Ao participar no concurso, o centro declara
implicitamente que dispón das autorizacións necesarias.

12. Protección de datos

Responsable do tratamento: Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón de Lugo.

Finalidade: Os datos persoais facilitados serán tratados exclusivamente para a xestión
da participación no I Concurso de Fotografía Xuvenil Lugo26 e, de ser o caso, para a comunicación dos resultados e a difusión da exposición pública das obras
seleccionadas.

Lexitimación: Consentimento da persoa interesada mediante a participación no
concurso.

Conservación: Os datos gardaranse durante o tempo necesario para a xestión do
concurso e as actividades derivadas del.

Cesión de datos: Os datos non serán cedidos a terceiros salvo obriga legal.
Dereitos: As persoas participantes poden exercer os seus dereitos de acceso,
rectificación, supresión e oposición enviando un correo a

concursoruando@escoladeartelugo.com

13. Aceptación das bases

A participación no concurso implica a aceptación íntegra destas bases.

14. Organización

O concurso está organizado polo Colectivo Fotográfico Ruando de Lugo en
colaboración coa Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón de Lugo e González Almacen Fotográfico.

Colectivo Ruando Logo