loader image

exposicións

RUANDO CON LUIS RUEDA

Luis Rueda Sánchez

Luis Rueda Sánchez naceu na Habana (Cuba) o 14 de setembro de 1921. Fillo de emigrantes galegos, veu a España, onde estudou Maxisterio, profesión á que se dedicou toda a súa vida.

Na década dos 50 naceu nel a afección pola fotografía, desenvolvendo unha importante produción artística dentro do que poderiamos chamar fotografía de rúa, na que reflectiu, sen máis, a vida cotiá nos espazos públicos, caracterizada pola espontaneidade e pola transmisión de emocións e sentimentos.

As súas fotografías combinan á perfección a tradición e a vangarda, e caracterízanse polos contrastes de luz, o xogo coas liñas, os picados e contrapicados e, ocasionalmente, algún posado. Hai en toda a súa obra unha procura por manter un adecuado equilibrio entre o clásico e a renovación, así como unha gran perfección técnica e un especial coidado formal.

LUGAR: Praza de San Marcos / Lugo

DATAS:  novembro e decembro de 2026

COLECTIVA EL CLUB DE FOTOGRAFÍA CALLEJERA JOTA BARROS

Exposición colectiva organizada polo Club Internacional de Fotografía de Rúa (comunidade impulsada polo fotógrafo e divulgador Jota Barros).

Reúne unha selección de imaxes realizadas polos membros da comunidade ("clubeños") dedicadas á fotografía de rúa (street photography), capturando escenas cotiás, composicións de luz e momentos en contornos urbanos.

LUGAR: Museo Provincial de Lugo 

DATAS:  novembro e decembro de 2026

ALBERTE PEREIRA

“Universo Peripatético”

Constitúe unha reflexión visual sobre o espazo público na cidade contemporánea. A través de varias series que, en principio, non naceron cunha visión de conxunto, o autor, dende unha estratexia crítica, vai desenmarañando cunha mirada ao detalle a complexidade da vida urbana. É, por tanto, unha reflexión sobre un todo, o urbano (universo), a través do andar (peripatético) utilizando a metodoloxía do movemento situacionista de mediados do século pasado, a deriva.

LUGAR: Museo MIHL  / Lugo

DATAS:  novembro e decembro de 2026

EXPOSICIÓN COLECTIVA RUANDO

"Historias da rúa"

A exposición presenta unha proposta fotográfica que parte da observación do espazo público como un escenario en constante transformación. A rúa enténdese aquí non só como un lugar de tránsito, senón como un espazo vivo onde se cruzan persoas, xestos, rutinas e momentos inesperados.

O proxecto invita a mirar o cotián con atención, descubrindo as pequenas narrativas que suceden a diario sen ser sempre visibles. Cada fotografía recolle fragmentos de vida urbana que, en conxunto, constrúen unha mirada sobre a diversidade, o ritmo e a identidade da cidade a través das súas rúas.

LUGAR: O Vello Cárcere  / Lugo

DATAS:  novembro e decembro de 2026

EXPOSICIÓN ESPACIO LUPA

Arte para levar // Cultura en movemento
“PACIOS 2011, RETRATOS” / Toño de Lopéz

Arte para levar é unha galería de arte sobre rodas, un proxecto de arte urbana itinerante que achega a creación contemporánea aos espacios cotiáns. Nesta ocasión, presenta a exposición "Pacios 2011", de Toño de  López.

Percorrido fotográfico polo rostro da aldea, Pacios, no Incio, na provincia de Lugo, Galicia.  Reconciliación cun lugar  que abandona o autor  aos 25 anos. 

Retratos na procura do rastro do seu pai nos rostros de todos eles. Vida e morte cobran sentido máis que nunca nunha aldea na que todos parecen estar agardando algo definitivo. Experiencia vital na que volve traballar con eles, pero esta vez cunha cámara de placas de 9 x 12. Proceso lento, traballo lento, un clic emocional, a verdade dos rostros, a verdade dun rostro. Cal é a verdade? Non hai unha soa verdade.

LUGAR: Xardins do  Museo Provincial  / Lugo

DATAS: novembro e decembro de 2026

IÑAKI IZQUIERDO MUXIKA

“Chernóbil. La amiga invisible”

É un relato visual, un documento gráfico, unha chamada á reflexión dos espectadores ante a imaxe fotográfica. Aquí presento a vida cotiá en Bielorrusia, en zonas afectadas pola radiación do accidente nuclear de Chernóbill. O relato ten como protagonistas os menores e o seu contorno.

LUGAR: Biblioteca Provincial de Lugo  

DATAS:  outubro e novembro de 2026

 

 II CERTAMEN FOTOGRÁFICO KÓSIMA LLAMAS

“Visiones de un instante”

Nace da premisa de que toda fotografía é, en esencia, un relato breve; o testemuño dunha testemuña que decide que ese momento, e non outro, merece ser rescatado do esquecemento. É o paradoxo de atopar unha historia completa na brevidade dun parpadeo.

Nesta convocatoria, a mirada deixa de ser unha canle pasiva para converterse nunha ferramenta de escritura visual. Non buscamos só a perfección compositiva, senón a mirada que revela o invisible, aquela que é capaz de ler entre liñas no cotián e extraer a beleza do efémero. 

LUGAR: Biblioteca Provincial de Lugo  

DATAS: novembro e decembro de 2026

Realizarase unha exposición cos traballos premiados e seleccionados na Biblioteca Pública Provincial de Lugo.

EXPOSICIÓN DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA XUVENIL

Como vemos a rúa?

O concurso ten como obxectivo fomentar a creatividade artística entre a xuventude, promovendo a observación do contorno urbano a través da fotografía de rúa.  A exposición será unha mostra das mellores fotografías do concurso.

LUGAR: Escola de Artes Ramón Falcón  / Lugo

DATAS: novembro e decembro de 2026

patrocinan e colaboran