A fotografía de rúa
Non retrata lugares, senón presenzas: a xente que pasa, o que non se ve, o que acontece mentres todo o demais continúa. É unha arte da atención, da espera e da intuición — e hoxe, cando todos levamos unha cámara no peto, segue a ser un acto de resistencia: o dereito a mirar con calma o mundo que habitamos.

Sobre nós
En orixen todo comezou en marzo de 2025 cun xantar nun patio de Lugo. Entre risas, viño e conversas xurdiu a proposta: xuntarnos unha vez ao mes para falar de fotografías e libros. “Empecemos con Saul Leiter”, dixo alguén.
Detrás daquela idea estaban Germán Limeres e Wajih Al-Soufi. Foron sumando persoa a persoa — a través de coñecidos e de Instagram. Hoxe somos xa máis de setenta: entusiastas e profesionais, quen comeza e quen leva toda a vida cunha cámara na man.
Ruando: de rúa e de andar, porque iso facemos.
Somos un colectivo de fotógrafas e fotógrafos de Lugo, afeccionados e profesionais, sen xerarquías nin directiva. Un laboratorio aberto no que o que importa non é o like, senón o ollo. O noso carácter é didáctico e sen ánimo de lucro: un espazo para aprender, compartir e mirar mellor.
A vida do colectivo
Retos fotográficos
Lanzamos retos ao longo do ano: un referente ou idea visual que nos obriga a saír, mirar diferente e traer imaxes para comentar xuntos. Comezamos con Saul Leiter e Cartier-Bresson; despois viñeron as xeometrías urbanas, as capas, os reflexos.

Reto Saul Leiter - Martín Somoza

Reto Bresson - Bego Pérez

Reto Outono - Autor: Lluis Carro
Charlas e presentacións
Os propios membros presentan os seus traballos, e traemos voces convidadas que amplían a nosa mirada sobre a fotografía de rúa e outros xéneros.



Obradoiros e Cursos
Aprendemos con persoas referentes: formación práctica para seguir mellorando o ollo e a técnica.



Exposicións, libros e festivales
Materializamos o traballo colectivo en proxectos públicos: a primeira exposición, “A rúa como espello”, percorreu os museos da Rede Museística Provincial de Lugo en 2025.



Encontros informais
Porque un colectivo é tamén as persoas: quedadas, paseos e conversas para coñecernos mellor e gozar xuntos máis alá das cámaras.



O día a día organízase en dous grupos de WhatsApp:
Mesa de Luz, onde compartimos e comentamos as fotografías, e Café Ruando, para tertulias, ideas e o que xurda.
A fotografía que buscamos é espontánea, sen escenificacións nin manipulacións. A rúa segue a falar — nós seguimos a escoitala, cámara en man.




